• Galego
  • Español

O programa Nnabata atendeu a 139 persoas en Burela, 111 por cuestións relacionadas co proceso de regularización

  • A colaboración do Concello de Burela con Arraianas incluíu acompañamento psicosocial, asesoramento xurídico e apoio en trámites de regularización, residencia, asilo e orientación laboral

Burela, 12 de agosto de 2026. O programa Nnabata, desenvolvido en colaboración co Concello de Burela e Arraianas, co financiamento da Fundación La Caixa, ofreceu en Burela acompañamento xurídico, psicolóxico e social ás persoas migrantes. Ao longo do programa foron atendidas 139 persoas, das cales 111 acudiron por cuestións relacionadas co proceso de regularización, ademais doutras necesidades vinculadas á súa situación persoal, administrativa e social.

O acompañamento permitiu atender diferentes situacións e trámites, entre eles permisos de residencia, expedientes de asilo e refuxio, homologacións de bacharelato, preinscricións e orientacións laborais, así como outras cuestións relacionadas coa situación administrativa das persoas atendidas. No caso dos procesos de regularización, ás persoas que o precisaron entregóuselles o certificado de vulnerabilidade.

Pero o traballo desenvolvido no marco do programa foi máis alá dunha xestión de trámites. A atención xurídica complementouse co acompañamento psicolóxico e social, ofrecendo orientación ante diferentes situacións que poden afectar o día a día das persoas migrantes e facilitando o acceso á información e aos recursos necesarios para desenvolverse na sociedade de acollida.

Esta dimensión social é, precisamente, un dos aspectos que o tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, considera fundamentais. “Hai unha implicación non só laboral, senón tamén social, de todos estes procedementos, posto que cremos que iso é o fundamental para a comunidade que formamos na veciñanza de Burela”, sinala.

Nesta liña, o programa permitiu achegar información sobre o proceso de regularización ás persoas interesadas. O pasado 23 de abril celebrouse unha charla informativa sobre este procedemento que, debido á gran participación, tivo que dividirse en dúas sesións.

Para o Concello, este tipo de acompañamento permite abordar as diferentes necesidades que poden xurdir arredor dun proceso migratorio desde unha perspectiva máis ampla, na que os trámites administrativos forman parte dunha realidade persoal e social que tamén precisa atención.

Mario Pillado quixo poñer en valor o traballo e a implicación do persoal do Concello e do equipo de Arraianas, sobre todo polo esforzo feito para dar resposta ás necesidades da poboación migrante de Burela ante a excepcionalidade da situación derivada do proceso de regularización extraordinaria, realizando un traballo adicional que non estaba previsto inicialmente no financiamento do proxecto.