O Concello de Burela informa das medidas organizativas e de seguridade das Festas Patronais
Burela, 28 de maio de 2026. O Concello de Burela informa a través dun Bando Municipal as medidas organizativas, de seguridade e convivencia a seguir durante os días de celebración das Festas Patronais de Burela.
Dende o venres 5 de xuño ás 15:00 horas ata o luns 8 de xuño ás 06:00 horas, o acceso de vehículos ao recinto feiral do porto quedará limitado únicamente pola Rúa do Porto e a servizos de emerxencia, operarios do porto e embarcacións, e vehículos autorizados para carga e descarga de material das cantinas e orquestras. Ademais, habilitaranse dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.
Instalarase un Punto de Seguridade (Punto Lila), operativo entre o 6 e o 8 de xuño en horario de 22:00 a 06:00 h, na Rúa do Porto. Este espazo ofrecerá información sobre recursos contra a violencia de xénero, atención psicolóxica, primeiros auxilios, coordinación coas forzas de seguridade, punto de encontro seguro, carga de dispositivos móbiles, servizos de hixiene íntima feminina e atención relacionada con delitos de odio.
No bando lémbrase que está prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, así como o uso de vasos de cristal no campo da festa, co obxectivo de reforzar a seguridade e facilitar os labores de limpeza. De igual xeito, haberán máis contedores para reducir os residuos nas rúas e evitar vertidos ao mar.
Tamén se recollen os horarios previstos para fogos articificais e pirotecnia e, a alcaldesa afirmou que este ano “redúcese considerablemente o horario de fogos de artificio e pirotecnia con respecto a outros anos, en favor dos colectivos máis vulnerables e do benestar animal, na busca dunha celebración máis inclusiva e respectuosa”.
O Concello lembra ademais que existe unha ampliación horaria de dúas horas para as noites do 30 de maio e 5, 6, 7 e 8 de xuño, segundo o publicado no BOP de Lugo o 9 de febreiro de 2026, aínda que advirte de que esta autorización non exime do cumprimento da normativa acústica nin autoriza actividades extraordinarias non contempladas tanto dentro como fóra dos establecementos.
Este ano haberá tamén un tramo horario sen música nas atraccións do recinto feiral durante os días 5, 6, 7 e 8 de xuño, entre as 18:00 e as 19:00 horas, as atraccións funcionarán sen música para favorecer a accesibilidade de persoas con trastornos do espectro autista (TEA) e outras sensibilidades auditivas.
O bando municipal recolle prohibicións relacionadas co respecto polo medioambiente e a limpeza dos espazos públicos como o emprego de canóns de confeti plástico ou o vertido de produtos, envoltorios, papeis, plástico, vidros ou desperdicios similares nas vías públicas por parte das orquestas, organizadores e público asistente.
López rematou animando á veciñanza e visitantes a gozar das festas “dunha forma sostible, cívica e en perfecta harmonía co entorno”.