Carmela López fai un balance “moi positivo” da XL Feira do Bonito, destacando o éxito de participación e a capacidade de Burela para ofrecer unha programación diversa e de calidade
Burela, 3 de agosto de 2026. A alcaldesa de Burela fixo un balance “moi positivo” sobre a XL Edición da Feira do Bonito, destacando que “a resposta do público foi extraordinaria durante toda a fin de semana e onte volvemos colgar o cartel de sold out na degustación, unha mostra do enorme atractivo que ten a nosa Feira do Bonito”.
Explicou que “esta feira é moito máis que gastronomía. Produart volveu rexistrar unhas excelentes vendas, demostrando que apostar pola artesanía, polos produtos ecolóxicos e polo comercio de proximidade é un acerto. A tapa elaborada coa Filloa de Muimenta foi tamén moi valorada nesta edición, enriquecendo aínda máis a oferta gastronómica”.
“Ao mesmo tempo, a presentación do festival Osa do Mar, as actividades deportivas, a concentración de vehículos clásicos ou a acción divulgativa sobre a eclipse impulsada pola Deputación de Lugo contribuíron a converter esta fin de semana nunha experiencia completa, pensada para todos os públicos e repartida por distintos espazos da vila”, explicou a alcaldesa.
“A Feira do Bonito é cada vez máis unha celebración de todo o que é Burela: o mar, a gastronomía, a cultura, o deporte, o comercio e a capacidade que temos de traballar unidos. Ese é, sen dúbida, o mellor balance que podemos facer”.
Por último, Carmela López quixo agradecer “o inmenso traballo das voluntarias e voluntarios, das asociacións, do persoal municipal, dos servizos de emerxencias e seguridade, das empresas colaboradoras, das administracións que apoiaron esta edición e de todas as persoas que elixiron Burela esta fin de semana. Grazas a ese esforzo colectivo, a XL Feira do Bonito volve consolidarse como unha das grandes citas do verán en Galicia.”