Carmela López e Ramiro Fernández destacan o potencial do turismo mariñeiro para achegar a pesca artesanal de Burela á veciñanza e visitantes
- A alcaldesa e o concelleiro do Mar participaron este martes nunha saída a bordo do Virxe do Rocío para coñecer de primeira man unha experiencia que estará ao alcance do público a partir do próximo verán
Burela, 9 de setembro de 2026. A alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro do Mar, Ramiro Fernández, participaron este martes nunha saída a bordo do pesqueiro Virxe do Rocío para coñecer de primeira man o traballo diario da pesca artesanal e a experiencia de turismo mariñeiro que se prevé poñer ao alcance do público a partir do próximo verán.
Miguel Ángel, patrón da embarcación, e o mariñeiro John iniciaron a xornada ás cinco da mañá botando a volantilla. Posteriormente, López e Fernández incorporáronse á tripulación para participar na recollida da arte e coñecer sobre o terreo o desenvolvemento dunha xornada de pesca.
Segundo explicaron, o obxectivo principal da saída eran merluzas e salmonetes, capturas que finalmente chegaron a bordo xunto con outras especies, entre elas dous exemplares de sanmartiño.
“Foi unha oportunidade para coñecer Burela desde outro lugar, desde o mar e da man de quen o traballa cada día. O mar forma parte da nosa historia e da nosa vida, pero poder compartir unhas horas coa tripulación permítenos achegarnos ao oficio dunha maneira completamente diferente”, sinalou Carmela López.
A experiencia enmárcase nun proxecto apoiado polo GALP A Mariña-Ortegal que permitirá que, a partir do próximo verán, outras persoas poidan embarcarse e coñecer de primeira man unha xornada de pesca artesanal, achegándose ao traballo das tripulacións, ás artes de pesca e á relación de Burela co mar.
Pola súa banda, Ramiro Fernández destacou que “é unha maneira magnífica de poñer en valor todo o que hai detrás do peixe que chega cada día ao noso porto. Non falamos só do produto, senón do oficio, do coñecemento do mar, das artes de pesca e do traballo das persoas que manteñen viva unha parte fundamental da identidade de Burela”.
O concelleiro do Mar incidiu tamén nas posibilidades que abre esta proposta: “Temos un enorme potencial para unir pesca, cultura mariñeira e turismo. Poder vivir unha experiencia real a bordo permite coñecer Burela dunha maneira diferente e, ao mesmo tempo, contribuír a divulgar e valorar o noso sector pesqueiro”.
López e Fernández agradeceron a Miguel Ángel a iniciativa de impulsar e presentar este proxecto, así como a acollida recibida durante a xornada. “Grazas a Miguel Ángel e a John pola paciencia, por todo o que nos ensinaron e por facernos sentir parte da tripulación durante unhas horas”, sinalaron.
Desde o Concello de Burela valórase esta iniciativa como unha oportunidade para divulgar a cultura mariñeira, apoiar e visibilizar o sector pesqueiro e ofrecer unha experiencia turística directamente vinculada á identidade e á historia da vila.