Burela sae á rúa para vivir unha tarde de cultura, ambiente e fútbol coa final do Mundial
- O Concello instalará unha pantalla na praza da Mariña a partir das 20.30 horas para seguir o partido de España, nunha xornada que comezará nas rúas, nos locais da vila e coa actuación de Xacarandaina na praza do Concello
Burela, 16 de xullo.- Burela prepárase para vivir este domingo unha xornada especial, coa cultura, a hostalaría, o ambiente nas rúas e a emoción da final do Mundial como protagonistas. O Concello convida a veciñanza e visitantes a gozar da tarde na vila e a compartir unha previa que terá como gran remate a retransmisión do partido de España nunha pantalla instalada na praza da Mariña.
A programación incluirá tamén a actuación de Xacarandaina na praza do Concello ás 19.00 horas, levando a música e o baile tradicional ao centro da vila e contribuíndo a crear ambiente antes da gran cita deportiva.
Desde o Concello anímase a vivir a xornada desde primeira hora da tarde, gozando das rúas, das terrazas, da hostalaría e de todo o que ofrece Burela, antes de reunirse para apoiar á selección española.
A partir das 20.30 horas, a praza da Mariña converterase no gran punto de encontro para seguir en pantalla grande a final do Mundial e compartir a emoción dun partido histórico.
O goberno local convida a toda a cidadanía a participar nunha xornada pensada para todas as idades e na que cultura, vida local e deporte se unirán para converter as rúas e prazas de Burela no mellor escenario para vivir a final.
Este domingo, o mellor plan xógase en Burela.