• Galego
  • Español

Burela dá nova vida aos libros a través das súas casiñas de intercambio

  • O Concello repón os catro puntos existentes na vila con novos exemplares, e pon en valor a súa boa acollida e conservación

Burela, 25 de agosto de 2026. O Concello de Burela repón as catro casiñas de intercambio de libros distribuídas pola vila con novos exemplares, co obxectivo de darlles unha nova vida,  achegar a lectura aos espazos públicos e que se compartan libros de maneira libre e gratuíta entre a veciñanza.

Dende o Concello poñen en valor a boa acollida e a conservación dos libros e do servizo, baseado no intercambio, na confianza e no coidado do espazo público.

Algúns dos novos exemplares estaban en dependencias do Concello e outros proceden da Biblioteca Municipal. Agora pasarán a estar nas rúas, ao alcance da cidadanía, para comezar a viaxar de man en man por Burela e atopar novas lectoras e lectores.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a concelleira de Cultura, Lina Gómez, participaron estes días na selección e reposición de libros nos diferentes puntos de intercambio da vila.

A actuación serve tamén para poñer en valor o bo funcionamento dun servizo que non é novo, e que xa tivo unha excelente acollida desde a súa implantación. Co paso do tempo, as catro casiñas mantéñense en bo estado, seguen sendo utilizadas e consolidáronse como pequenos puntos de acceso á lectura integrados nos espazos públicos de Burela.

“Estamos especialmente satisfeitas de comprobar que as casiñas seguen aí, coidadas e funcionando", sinala a concelleira de Cultura, Lina Gómez. "É unha demostración de que cando ofrecemos espazos para compartir, confiamos na veciñanza e facemos á xente partícipe do público, a resposta é boa”, engade.

Catro puntos para coller, ler e compartir

Burela conta actualmente con catro casiñas de intercambio, situadas no Parque do Hospital, no Parque Rosalía, na contorna da praia urbana e na Marosa. O seu funcionamento é moi sinxelo e non require ningún tipo de rexistro: calquera persoa pode achegarse, escoller un libro, levalo para ler e posteriormente devolvelo ou deixar outro exemplar no seu lugar.

O Concello anima tamén ás veciñas e veciños a participar activamente na iniciativa, incorporando aqueles libros que teñan na casa, que xa leran e que queiran compartir para que poidan ter unha nova vida noutras mans.

Deste xeito, as casiñas funcionan como pequenos puntos de lectura e intercambio ao aire libre, complementarios á Biblioteca Municipal e situados en lugares de paseo, encontro e lecer.

“Ás veces non fan falta grandes proxectos para conseguir cousas bonitas: Unha pequena casiña de madeira, uns libros e o compromiso de coidalos permiten levar a lectura aos nosos parques e paseos e facer que un mesmo libro poida ser desfrutado por moitas persoas”, destaca Gómez.

Desde o goberno local considérase especialmente positivo que, pasado o tempo desde a súa instalación, as casiñas continúen cumprindo a súa función e se manteñan coidadas, como exemplo de respecto polo que é de todas e todos e de responsabilidade compartida sobre os espazos públicos.

O Concello continuará repoñendo exemplares e promovendo o uso destes puntos de intercambio, ao tempo que anima á cidadanía a seguir contribuíndo a mantelos vivos baixo o lema de "Coller, ler, compartir e devolver. Catro pequenas casiñas para que os libros sigan percorrendo Burela".