• Galego
  • Español

Burela dá comezo á súa Semana Europea da Mobilidade 2026

- Haberá numerosas actividades todos os días ata o vindeiro martes. día 22 de setembro

Burela, 16 de setembro de 2026. O Concello de Burela dá comezo ás actividades da Semana Europea da Mobilidade 2026. Comezaron hoxe, mércores 16 de setembro, e prolongaranse ata o martes 22.

“Un ano máis sumámonos a esta iniciativa europea para promover un modelo de mobilidade urbana sostible que priorice o peonil, o uso da bicicleta e unhas rúas pensadas para todos e todas”, sinala a alcaldesa Carmela López.

Por outra banda, a concelleira Lina Gómez, responsable da aula Gaia, quixo “agradecer o traballo de todas as persoas e asociacións da vila implicadas na programación, e particularmente o das monitoras de Gaia, organizadoras da semana”.

Haberá numerosas actividades ao longo de todos os días de programación, destacando iniciativas como a inauguración dun “paso de vaca” no parque Rosalía de Castro da man de Casa Grande de Xanceda, co obxectivo de darlle visibilidade ao rural. Será ás 13:00 horas do martes 22 de setembro

Tamén destaca a campaña “Despois do pis… un chis”, coa que se repartirán botellas de limpeza para ouriños dos cans. O posto informativo estará de 10:00 a 13:00 na praza do Concello.

Por outra banda, o walking challenge servirá para rexistrar os pasos que dea cada persoa participante durante a semana nunha app móbil. Será necesario ensinar o resultado final o martes 22 na Praza do Concello ás 19:30, e o participante que máis pasos realice recibirá un agasallo sorpresa.

Tamén haberá andaina saudable, ruta nocturna, obradoiros de seguridade vial, contacontos, manualidades, ensaios abertos de agrupacións musicais, préstamo de bicicletas eléctricas, xogos na rúa, música, chocolatada e moito máis. Pódese consultar a programación completa nas redes e na web do Concello de Burela.