Burela abre un casting para participar na rodaxe de Aguas Rotas
- O casting, organizado en colaboración co Concello de Burela, seleccionará figuración e pequenos papeis para a nova película de Patxi Isasti, que se rodará este outono na Mariña
Burela, 7 de xullo de 2026. A Casa da Cultura de Burela acollerá os próximo xoves 9 e venres 10 de xullo un casting presencial para participar en Aguas Rotas, a nova longametraxe de Patxi Isasti producida por IAE, cuxa rodaxe será o vindeiro mes de novembro de 2026 en distintos puntos da Mariña.
A convocatoria está organizada por Let's Casting, en colaboración coa produtora Tréboa, Vértigo Films e o Concello de Burela, co obxectivo de incorporar á película persoas da comarca e reforzar o carácter local dunha produción profundamente vencellada ao territorio.
O casting está dirixido a homes e mulleres de entre 15 e 85 anos, así como a nenas de entre 5 e 8 anos residentes na Mariña. Non é necesario contar con experiencia previa, xa que, segundo explican dende a organización, búscanse perfís naturais que acheguen autenticidade á historia. A participación na rodaxe será remunerada.
As probas serán na Casa da Cultura de Burela en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, os días xoves 9 e venres 10 de xullo. Para evitar esperas, a organización recomenda reservar cita previa escribindo a info@letscasting.com ou chamando ao +34 641 686 227.