OUTONO BURELA 2026

PROGRAMACIÓN OUTUBRO 2026

Burela enche o outono de cultura cunha ampla programación na súa Casa da Cultura

O Concello de Burela continúa coa axenda cultural de outono da Casa da Cultura, unha proposta que reúne diferentes disciplinas artísticas e ofrece alternativas para públicos de todas as idades.

A programación de outubro arrancou o pasado venres co espectáculo O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa, e Os descontacontos, de Galitoon, ademais do obradoiro de monicreques de calcetín.

De aquí en diante, este ciclo de outono dará cabida ao teatro da man de compañías como Ibuprufeno Teatro, Trípode Teatro, Elefante Elegante, Neboa Events ou o grupo de teatro Ardora; ademáis do monólogo Moi Animal de Touriñán ou a proxección do documental Prisciliano e a Gallaecia.

A música será a protagonista nas actuacións da Coral Polifónica de Burela ou no tributo musical a Mecano, La Oreja de Van Gogh e Amaral; mentres que os espectáculos familiares completan un cartel que inclúe marionetas, teatro musical e teatro-circo. Entre estas propostas están Cuentos musicales de Olaf, Grela quere ser druída e Ciencia Malabar.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, pon en valor a diversidade da oferta, explicando que “esta axenda cultural permite que persoas de diferentes idades poidan gozar de propostas moi variadas, desde o teatro e a música ata o humor e os espectáculos familiares”. Ademais, destaca o papel da Casa da Cultura como “espazo de encontro para a actividade artística e cultural do municipio, con propostas que buscan achegar ao público diferentes formatos e experiencias ao longo do outono e do Nadal”.