Burela,
pobo costeiro da provincia de Lugo, celebra as súas
festas na honra de San Xoán Bautista e a Virxe do Carme,
patroa dos mariñeiros.
Unha
curiosidade desta festividade é que non se celebra
en ningunha das datas coincidentes co santoral, por motivos do
traballo do mar, da costeira do bonito e para que estes homes
podan acompañar á súa Virxe. Celébranse
na primeira fin de semana do mes de xuño (coincidindo
o primeiro domingo deste mes).
Un
dos actos máis fervorosos e populares desta festa é a
confección dunha alfombra floral o sábado desa
primeira fin de semana. Despois da celebración litúrxica ás
21:00 horas, a Virxe do Carme engalanada sae a ombreiros
de mariñeiros voluntarios e agradecidos e descende
sobre ese mar de flores que veciños e veciñas
anónimos,
xoves e maiores, estudiantes e traballadores confeccionaron
para Ela.
Dende
hai anos, grupos de veciños adornan as rúas
para o momento tan especial. Na primeira andadura adornaban
só con
espadanas, fiúncho e herba de Nosa Señora pero
co paso do tempo, este acto de devoción e fe, foise
perfeccionando e dende o 1994 comezouse a confeccionar
unha alfombra unificada dende a Igrexa parroquial ata a entrada
do porto, uns 3.600 metros
cadrados, cheos de ilusións, ledicias, superacións,
e tamén de traballo, pero traballo satisfactorio, dese
que deixa bo sabor de boca.
A
creación da alfombra comeza uns catro meses antes do día.
Nun primeiro momento decídese unha temática para
os tramos a elaborar, pero non é ata o mes de maio, mes
das flores, cando o traballo se multiplica.
Mentres
uns pasan os debuxos orixinais a cartón en escala
para facer as plantillas, que ese día se sacan á rúa,
outros encárganse de ir preparando o picado de verde e
as flores.
É un
proceso no que todo o pobo se implica; as xentes deixan os baixos
das súas casas para as xuntanzas do picado, selección
de flores,... persoas creativas que axudan a facer os debuxos,
dependentas de tendas que meses antes van gardando caixas para
a posterior selección, traballadores
municipais que recorren quilómetros e quilómetros conseguindo
verde para despois picar, xente anónima que dá uns
cartiños
para flores para a Virxe, maiores que non podendo xa axudar no
traballo máis
duro, achéganse cunha cafeteira para facer un descanso
e rir, xente que coidando todo o ano o seu xardín deixa
que as súas
flores acaben nunhas caixas para un bo momento...
Nas
tres primeiras semanas de maio a labor máis importante é o
picado do verde, labor intensa e constante, para deixar todo
listo para a última semana, a semana da flor.
Primeiro
trátase a margarida, seleccionase a máis
grande para poñer enteira e a máis pequena desfóllase,
a mediados de semana empézase con todo tipo de flores:
xeranios, hortensias, caraveis, bágoas,..para rematar
o xoves e o venres coas rosas, que son as máis delicadas.
Tamén
se preparan os tintes para dar as distintas tonalidades que se
precisen, sobre todo en serrín e sal, posto que debido á data
na que se confeccionan non hai moitas flores con eses tonos.
Outros material que se usan son o caolín e o café,
que nos van gardando durante un mes aproximadamente as
cafeterías
do pobo e que despois hai que cribar e secar ó sol.
A súa confección é traballosa, necesítanse
de moitas mans e de moito tempo para a súa elaboración.
Con ilusión e esforzo todos os anos se consegue, cada vez
máis perfeccionada e minuciosa, pero sempre con ganas de
mellorar, converténdose nun acto de devoción, culto
e convivencia.